Friday 17 de May de 2024

Os nenos e nenas de Preescolar na Casa de Frades reciben a visita de Papá Noel


Os nenos e nenas do programa Preescolar na Casa de Frades, que leva a cabo a asociación Antonio Gandos, recibiron a visita de Papá Noel e da súa axudante na biblioteca municipal, emprazada no CPI de Ponte Carreira. Unha actividade coa que o Concello de Frades abre o seu programa de Nadal 2014.

Os meniños disfrutaron dunha pequena festa de Nadal con globos e lambonadas, na que estiveron acompañados polos seus pais e nais, así como polo alcalde de Frades, Roberto Rey, que aproveitou para presentarlles o programa especial de actividades preparado para estas datas. De feito, o CPI de Ponte Carreira volverá a ser protagonista este venres 19 de decembro, pois ás 10:30 horas está programada a visita dos Paxes Reais, que recollerán as cartas dos pequenos de Infantil e de Primaria.

Gran festa de Nadal

Para o vindeiro martes 23 de decembro queda a Gran Festa de Nadal, que terá lugar no edificio multiúsos de Frades e á que están convidados todos os nenos e nenas de Frades. Será unha festa con teatro, clow, mascotas, obradoiros navideños, reparto de lambetadas e a visita de Papá Noel. Unha festa que terá lugar entre as 11:00 e as 13:30 horas.

O programa de Nadal do Concello de Frades completarase cunha excursión a Xuvenlugo, que terá lugar o martes 30 de decembro e para a que é preciso inscribirse no Concello ou no 981 695 567 antes do venres 26 de decembro. O prezo é de 5 euros para empadroados (8 euros non empadroados) e inclúe a entrada xenérica ao recinto.

Xa co ano novo, o 2 de xaneiro terá lugar o espectáculo de maxia “Acción”, a cargo do Mago Dani. Será ás 11:00 no multiúsos e, ao rematar, terá lugar unha chocolatada por cortesía da ANPA do CPI Ponte Carreira. E o domingo 4 de xaneiro terá lugar a segunda Cabalgata de Reis do Concello de Frades que, tras o éxito acadado na súa estrea este ano, repetirá programación cun desfile polo centro urbano de Ponte Carreira (16:00 horas) e unha gran festa no pavillón municipal (17:00 horas). Unha actividade que volverá contar coa colaboración do grupo Sarillo de Aiazo e da ANPA do CPI de Ponte Carreira.